Hoxe reproducimos íntegro, previa autorización, un artigo publicado orixinalmente en Cooking Ideas que se titula ‘La Wikipedia y los debates en la era digital: una forma rápida y fiable de salir de dudas’. O seu autor é Álvaro Ibáñez, de Microsiervos. Velaí vai:

Wikipedia T-Shirt (CC) Mike E. Perez
O outro día parolei por correo cun lector sobre un tema pseudocientífico, ao que chamarei XZ. Resulta que XZ era un asunto que un dos meus compañeiros de blog azoutara no canto de lle dedicar espazo coma se fose algo relevante, fiable e cun mínimo de rigor científico. Persoalmente ouvira algunha mención por aí sobre o tema en cuestión, pero tampouco non chegara a profundar sobre el demasiado. Metade por cortesía, metade por curiosidade, dediquei uns minutos a lle botar unha ollada.
Resulta que cando buscas sobre XZ en Google, tras a obrigatoria entrada da Wikipedia as primeiras dez ou vinte referencias eran a Milenio3 e páxinas do tipo «misterios misteriosos e enigmas sen resolver». O asunto XZ fora «noticia» hai catro ou cinco anos, coma un suposto relevante gran descubrimento. Na Wikipedia utilizaban os termos «controversia», «pseudociencia», «falsidade», «falta de veracidade» e similares para se referiren a el. Cualificábano de hoax (engano) e desacreditaban totalmente as teses dos investigadores teimudos coa cuestión.
Na miña conversación con ese lector paseille as ligazóns para lle deixar ver que podería andar enganado e talvez quixese pescudar algo máis seguindo o fío. Mais rapidamente contestou que se se trataba dunha ligazón da Wikipedia «iso nunca podería ser considerado válido como referencia». Deixoume unha ligazón a unha vella noticia de Associated Press que incluía o nome dun investigador sobre o asunto. As referencias sobre el (de novo na Wikipedia) cualificábano de «personaxe absurdo, errático e irracional». Ao parecer afirmou nunha entrevista que cría que os Maias e outras culturas antigas descendían dos Atlantes, quen á súa vez chegaran á Terra viaxando polo espazo desde as Pléiades. O home despois investigara outras cousas e descubrira revelacións sobre o tema XZ que agora quería dar a coñecer a mundo. Ben, pola miña banda xa tiña suficiente: contestei o último correo con esa referencia e decidín non lle dedicar máis tempo ao asunto en cuestión. O meu interlocutor fixo o mesmo (aínda que non sei se ficou convencido ou non).
Hai varias cuestións sobre esta historia e sobre como sería unha situación similar hai unha década, en especial polo papel da Wikipedia, que me parecen dignas de destacar. Hai unha década o tema XZ dariámolo atopado nunha revista, libro ou un programa de radio, e teriamos complicado poder facer unha referencia ou realizar máis procuras sobre el sen acudir a bibliotecas ou arquivos especializados. Daquela a Wikipedia nin sequera existía, e dende logo un «descubrimento noticioso» non ía aparecer na edición en papel da Enciclopedia Británica dun día para outro como por encantamento, algo que hoxe si que podería suceder. Amais disto, todas as novas sobre ese tema publicadas en medios de comunicación están arquivadas e dispoñibles a través de Google News ou as hemerotecas de xornais e arquivos especializados. Tanto o meu interlocutor coma eu mesmo poderiamos ter peneirado durante horas ou días na busca dos máis pequenos detalles sobre o asunto, segundo a nosa habelencia.
A capacidade da Wikipedia en situacións como estas é impresionante. Como ferramenta rápida para a resolución de debates e conflitos é case inigualable: o que pon alí vai a misa. En certo sentido quitoulle emoción ao Trivial Pursuit; lonxe quedan aqueles debates interminables sobre se certas respostas en ocasións ambiguas que dá oficialmente o xogo son correctas ou non. E é que hai que recoñecerlle á Wikipedia o mérito para concentrar «a opinión da maioría» en millóns e millóns de artigos sobre todas as temáticas. Aínda que hai que evitar caer no argumentum ad wikipediam (invocándoa como dicindo «Se sae na Wikipedia, será verdade», porque non sempre o é), como referencia rápida parece inigualable. Poida que só Google a supere en axilidade. E no fondo o que está a contestar Google cando se busca algo é tamén «a opinión da maioría» sobre o que é relevante e o que non.
Pero tamén sabemos que a Wikipedia non é perfecta nin a fonte de toda sabedoría. Se a les en inglés, parece coma se Alexander Graham Bell inventase o teléfono; se a les en italiano, recálcase que foi Antonio Meucci o xenuíno pai do invento. Hai que ler máis a fondo a historia para descubrir todos os detalles, ou irse a outros idiomas, coma o castelán [ou o galego], para atopar unha versión máis neutra. En cuestións históricas, mesmo as máis importantes, a Wikipedia reflicte as mesmas polémicas que historiadores e expertos arrastran desde hai anos, por non dicir séculos.
A xente que non coñece a fondo como funciona a Wikipedia considera que o feito de que «calquera pode editala» é un signo de pobreza editorial ou de propensión ao vandalismo, e por iso é polo que citala para resolver un debate ou conflito está tan mal visto. Pero é algo tan equivocado como pensar que calquera pode debuxar un graffiti nunha sala do Museo do Prado e facelo pasar por unha obra de arte durante semanas. Podería pasar, pero non é o que sucede normalmente.
Hai algún tempo pedíronme un artigo sobre a capacidade de autocorrección da Wikipedia, onde explicaba en profundidade o funcionamento de certos aspectos da enciclopedia libre e por que ese tipo de problemas son pouco frecuentes. En primeiro lugar, hai un historial de cambios que permite detectar as modificacións rapidamente; desfacer o vandalismo é fácil e rápido, ademais de que moitos artigos están vixiados; hai ferramentas especiais para facerlles seguimento e case sempre hai alguén interesado en que un artigo sobre un tema concreto estea coidado e sexa fiable; hai robots que ademais realizan labores de vixilancia. Finalmente, a reputación dos editores é un factor a ter moi en conta; os contidos de dubidosa orixe ou sen referencias fiables adoitan estar claramente marcados, ou chegan a elimiarse, e se xorde unha guerra de edicións ou unha polémica fóra de control mesmo se poden bloquear certas páxinas.
O resumo é que o que queda publicado na Wikipedia é, ao 99 por cento, información altamente fiable que pasou unha serie de filtros que moitas veces pasan desapercibidos para os lectores. O resultado recolle diversos puntos de vista, nos que ademais se premia o rigor e a investigación sobre o rechamante, as opinións persoais ou os datos con escuros intereses detrás (comerciais, ideolóxicos etcétera).
Se xurdise unha noticia como o tema XZ que mencionaba ao principio e alguén quixese facelo pasar por información fiable tería que comezar por crear o artigo na Wikipedia. Iso pódeo facer calquera. Pero tal artigo non pasaría inadvertido e sería revisado por unha chea de xente: esixiríanse referencias fiables ou sería eliminado, e eliminaríanselle tamén as opinións persoais, quedándose nos puros datos verificables. Se se trata dun tema controvertido -que non o é a día de hoxe!, mesmo entre a comunidade científica- habería xente a favor e en contra que sen dúbida pugnaría por incluír os seus puntos de vista. Ao final a opinión de maioría acabaría sen dúbida prevalecendo, e en caso de dúbida até a reputación de quen están a realizar as edicións tería un papel importante. Se puntualmente alguén quere vandalizar o artigo para interpretar a realidade doutra forma -ou andar a xogar co proxecto- un robot, un editor ou alguén preocupado porque a información sexa veraz haberá pararlle os pés, sen dúbida ningunha.
É tan difícil eludir todos eses controis -malia que resultan case invisibles para a maior parte da xente- que é polo que usar a frase «mira o que di respecto diso a Wikipedia» tende a ser sinónimo de fiabilidade. E vale tanto para dirimir unha rifa sobre respostas absurdas do Trivial Pursuit como para dar un argumento de peso apoiado por toda unha comunidade sobre o tema XZ.
Álvaro Ibáñez