xuntanza « O divino ferrete

Xeración Ferrete

A xuntanza de Compostela foi un éxito. A reunión durou arredor de dúas horas e media e despois aínda quedamos ben deles parolando e bebendo cafés e cervexa; iso de seu xa é indicativo, e as actas, das que daremos conta nos vindeiros días, deixarán entrever o resto.

Moitas grazas á xente da Casa das Crechas, que nos cedeu a saliña de embaixo, tan agradable. E moitas grazas tamén a Sergio Lago de Toupa e a Rubén Bouso de Dinahosting pola súa valiosísima contribución.

Uns poucos datos: estivemos dezasete -8 mulleres, 9 homes- dos vinte e catro membros fixos que até o sábado integraban o equipo -hoxe xa sumamos algúns máis, que comunicaremos ao longo da semana-. Tocamos puntos moi diversos, dende un repaso global aos obxectivos da normalización até as posibilidades de financiamento, onde abrollaron propostas do máis interesante que, tamén estas, serán expostas así que esten redactadas e pulidas.

Matías Nicieza, que veu de Burela e vai ser o encargado da montaxe do filme, falou nun momento dado das especiais circunstancias que arrodean o proxecto, e largou, nunha chiscadela, unha denominación para este grupo de xente nova e desinhibida con arelas de reconsiderar os moldes para o galego. Falou de Xeración Ferrete, e eu persoalmente creo que falou ben. Veremos até onde somos capaces de chegar.

Polo de pronto, hai unha promesa: a de non nos crearmos máis dependencias das estritamente necesarias, o cal vai ser fundamental para que o produto sexa tan innovador como, en base ao falado na reunión, todos desexamos.

Seguimos.

Xuntanza

Hoxe, sábado día 23 de outubro de 2010, temos a primera reunión fóra da virtualidade do equipo d’O divino ferrete, integrado por máis de 20 persoas. A xuntanza é en Compostela, e promete. Polo de pronto, por obra e graza da lingua, o porno conseguiu facer que voguen á par xentes do máis dispar.

Poida que o luns chegue cargado de novidades.

Autoría de Iago Pillado