Referentes « O divino ferrete

As redes tenden á democracia. A súa forza é innegable; a súa transversalidade, abraiante. Tenden á democracia en tanto que comunitarias e independentes, en tanto que zona de cesión e non de aluguer. Son ademais un espazo de encontro entre culturas, e consecuentemente entre linguas, os motores das culturas.

Neste universo de bytes no que as iniciativas abrollan a razón de miles por minuto, o galego sae gañando. Sen dúbida. Quen empurramos -con maior ou menor sorte- para sacar o galego da inxusta circunstancia en que malvive, sabémolo. Unha rede potente achéganos ao que en verdade somos, apuntálanos como pobo. Tal potencia pode e debe chegar a todos os recunchos, tamén á pornografía. Como imaxinar O divino ferrete sen unha rede de 'código aberto'? Non é posible. Non nestas condicións. Por este motivo, coidamos unha obriga moral mencionar aqueles proxectos e persoeiros que, na rede e fóra dela, nos acordaron a musa, a inspiración, que nos guiaron e guían, e que, en moitos casos, mesmo chegaron a nos fornecer cos útiles de traballo.

Son, como adoita suceder, todos os que están, mais non están todos os que son.